O Concello das Somozas participará por vez primeira no programa ‘Vilas en Flor’, impulsado pola Fundación Juana de Vega, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes.
É un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestructura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos.
As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
Ao longo do último trimestre do ano un xurado realizará as visitas a todos os concellos participantes e decidirá cales son merecedores de algunha distinción así como de subir ou baixar o número de flores que alcanza cada concello ata un máximo de cinco. Esta semana, os representantes da Fundación visitaron As Somozas para avaliar os méritos cos que o Concello concursará por primeira vez neste programa.
O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, sinalou a “importancia” de que un municipio como As Somozas “sexa escollido para participar nunha iniciativa de tanto calado a nivel social en toda a comunidade galega”, e amosou “orgulloso que se recoñeza, xa só participando, as tarefas que se realizan ao longo do ano en materia de conservación e posta en valor de xardíns e espazos naturais municipais”.
[Concello das Somozas]